Buscador de agasallos

Busca por prezo, idade e tipo de proposta

Pechar

0 €
+200 €


0 anos
+18 anos


Produto

Inicio » Catálogo » O incrible neno devorador de libros
Difundir o artigo en Cabozo

O incrible neno devorador de libros


O incrible neno devorador de libros
Etiquetas
Autor
Oliver Jeffers
Empresa
Categoría/s:
Referencia
NenoDevoradorLibros
ISBN
978-84-936842-0-4
Idade
De 2 a 8 anos
PVP rec.
12,00 €
Valoración
0 puntos

A editora Patasdepeixe apreséntase con este álbum do irlandés Oliver Jeffers sobre como ler. É noticia moi esperanzadora (palabra que escribo a pesar dos tempos facareños que se enxergan no horizonte próximo, e fágoo porque eu confío no País e na súa xente, eles non) a aparición dunha nova editora disposta a poñer nas librarías obras dedicadas aos lectores e lectoras que aman os libros fermosos e a lingua galega. Así que a primeira beizón vai para Patasdepeixe por estaren aí. Longa vida haxa para vós! Esta editora preséntase cunha obra do ilustrador irlandés Oliver Jeffers: O incrible neno devorador de libros, do que existía unha edición en español feita pola editora mexicana Fondo de Cultura Económica, que tamén publicou outros álbums deste ilustrador (Perdido y encontrado [2005], De vuelta a casa [2008], Cómo atrapar una estrella [2005]...). Aquí preséntanos unha historia que, textual e graficamente, se constrúe nunha páxina que sempre Henry, o incrible neno devorador de libros, e o seu antagonista, xaora, os libros. É ben certo que ameazan con nos cansar con libros que teñen como obxectivo a incitación ao consumo de libros. Este asunto como tema literario, que xa é unha pandemia planetaria, non se libera doadamente do seu aire de sermón laico de cuxa eficacia eu son máis ben escéptico. Esta autofaxia pouco achega á creación do hábito lector, que se constrúe, ao meu ver, coas boas obras e non con prédicas, por benintencionadas que estas sexan. Mais neste caso non se trata dun canto aos libros por si mesmos nin á lectura, sexa do que sexa con tal que sexa moita, senón de como ler. E por aí entra n’O incrible neno devorador de libros un vento fresco de retranca que fai deste álbum un verdadeiro acerto de humor e de chiscadelas intelixentes que tanto confortarán ao lector. Teño para min que álbum infantil (este éo) é ilustracións de lectura perfectamente adecuadas á comprensión infantil. Páxinas partidas en horizontal xunto con outras unitarias ou, mesmo, dobres, sempre coa presenza de Henry na actitude que o texto anuncia en cada caso, pero non explicita. Liñas de ollada, marcas cinéticas, cromatismos narrativos e outros elementos técnicos, moi ben elaborados e administrados, completan un álbum atinado e que ten un alto valor e interese para o lector infantil. A todo o anterior hai que engadir o acerto de encomendar a adaptación tipográfica a un dos grandes ilustradores galegos, Óscar Villán. Porque nestes elementos metatextuais reside unha parte moi importante dos compoñentes visuais e narrativos que lle confiren ao álbum unha abundancia de planos lectores, de elementos de literacidade, que fan del unha obra moi merecente de grande atención.

Xabier P. DoCampo



Onde conseguir esta proposta

Este libro pódese mercar en librarías e tamén a través do web da editorial >